Tuesday 30 de April de 2024

Igualdade e ecoloxismo centran unha nova actividade na Pobra ao abeiro do 8-M


Prosegue na Pobra do Caramiñal a axenda impulsada pola Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), co gallo do Día Internacional da Muller baixo o lema “Avanzando cara á igualdade!”.

Nesta semana tocará aprender sobre Mulleres fronte á emerxencia climática, un proxecto de acompañamento e organización de grupos de mulleres para poren en valor o seu papel como coidadoras da terra e das persoas ao longo da historia, e recalca-la súa importancia na loita pola igualdade de xénero e a transición ecolóxica na actualidade.

O formato elixido para a divulgación sobre esta iniciativa será mediante unha andaina aberta ao público xeral no día 19, coa saída programada para as 12.00 horas dende o CEP Salustiano Rey Eiras. Nos vindeiros días, estudantado do IES pobrense tamén terá a oportunidade de vivir esta experiencia.

A maiores, ata finais de mes continuarán os Contacontos pola igualdade nos centros educativos da infantil, a actividade Avanzando cara á igualdade para o alumnado da primaria e a segunda edición do concurso de microrrelatos Igualdade, conta comigo!, dirixido á poboación adolescente e adulta.